Concha

14 dic 2009

Decembro 8: Concha, todas as Conchas que este país leva no corazón e que esvaran entre as ruínas de nós mesmos. Restos que nos debuxan e engrandecen. Conchas de lúa e estrela que iluminan cada hora, cada poema. Concha que me fai mellor: eu, que son apenas o brillo dos teus ollos abertos de par en par, mirándome e vivíndome. Hai Conchas que me amaron con exceso. Levaban o almorzo á minha cama e dicían: neno, son horas de levantarse. Eu sei que a minha Concha non poderá perdoarme durante días, que non falará conmigo nin me regalará os bicos que pido con insistencia. Certamente, é imperdoable escribir esta columna para ti, tan publicamente. Dicir que contigo se abre o día e que as noites de escritura, ás veces, resultan gratas (porque ti existes). Escribir o teu nome é reescribirnos, entranha por entranha. Somos país de Conchas e Marías. País que en 8 de Decembro regresa a ningunha parte para cantar sen prudencia noche de paz, noche de amor. Paz e amor, Concha. Son palabras fermosas. Oxalá vivan por sempre no teu adentro do Jonas Brothers, Hannas Montanas e esa cousa que non tolero e que ás agachadas contemplas no ordenador: Física o Química; qué espanto, corazón. Debo aprender que creces mentres eu me fago maior, que chegará o día en que mirarás os meus libros como se fose outro quen os escribiu. Esperarei esperto a que volvas. Mirarei o reloxo como un inimigo. Sentirei dor cando un avión te leve a percorrer mundo, cando non poida defenderte do tedio. Un día en que se partirá a minha alma egoista: cando sexan outros bicos os teus, e outra voz a que conta os contos que nunca sei rematar. Morrer de amor é saber que non vos taparei ao ir á cama: a Marta, a ti. Que chamarei ao móbil para felicitar o santo que non celebras: porque ti non te chamas Concepción. Afirmo que levas o sol prendido nos ollos... Para iluminar cada segundo, Concha.

Texto de Xosé Carlos Caneiro.


Para tí, Conchinha :)

0 comentarios:

Publicar un comentario

  © Plantilla On The Road por Ourblogtemplates.com Fotografías y textos (excepto otros créditos) por © © Oscar Pinal 2014

Back to TOP